07 xullo, 2008

[Rescate V] e na que vai, vai unha persoal (disimulade)

Pero para a maioría dos escritores, malia non seren formidables os fondos dunha biblioteca, só o feito de que, ao parecer, os libros son innumerábeis e están a disposición de quen os solicita supón unha alegría: "Souben que aquilo era unha bendición -escribiu Eudora Welty ao final da súa vida-, sóubeno naquel momento. O gusto non é tan importante, chega co tempo. E eu quería ler inmediatamente. O meu único temor era que os libros se acabasen"

Manguel, Alberto: La biblioteca de noche. Madrid :Alianza, 2006. p.151 (trad.)


Alá polo 79, eu estaba en COU e o Instituto estreaba o seu actual emprazamento. A profesora de literatura española regaloume dous libros. Daquela eu devoraba a Poesía Completa de Celso Emilio (a editada por Akal) e ameazaba con memorizala redonda. Josefina debeu considerar que xa debía dar un paso máis e agasalloume con dous títulos de Pexegueiro. Atinou: eses eran os libros que eu -ignorante de que existían- desexaba.
E transcorreron 30 anos...
Aí atrás, o meu compañeiro Carlos (o arquiteuto deste Blogue) estaba baleirando as bolsas nas que traía as últimas adquisicións para a biblioteca . Cando entrei nela, escolleu un dos libros e díxome que o comprara porque se lembrara de min. Era La biblioteca de noche de Alberto Manguel, irmán maior dos biblioadictos (é esta a palabra que emprega o noso Firmin? Gora Sam Firmin!). Carlos papouno en dous días, a min levoume algo máis porque non quería que rematase.
Trátase dunha historia de libros, lectores e bibliotecas; unha chea de noticias, reflexións e datos que eu xa sabía, malia non saber que os sabía ata que Manguel mos foi descubrindo; unha cordial galería de espellos na que os teimudos das bibliotecas nos imos reflectindo e multiplicando. Que sei eu cantos voltas lle levo dando á cabeciña estimulado polas páxinas de Manguel!
Van alá trinta anos. Estou seguro de que a nosa biblioteca debe entrar nunha nova etapa. Estivemos nunha actividade que comezou titulándose “Trinta anos non son nada”. Vaia casualidade! Será que o círculo se cerra? Ou é espiral? Se cadra é que aquel medo infantil de Eudora Welty a que os libros se acabasen mantense como medo bradburyano a que, efectivamente, os libros se acaben. E, nesas condicións, quen nos desintoxica de libros e bibliotecas?
Ata o curso e grazas pola compañía que nos fixestes!
Mario.