18 decembro, 2009

LerENvenres (IV): "Solaris", de Stanislaw Lem

 
Son lector constante de Ciencia Ficción, pero debo ser mal lector. Non me preocupa, nin nunca me preocupou, a “verdade científica” que poida xacer nos textos. O meu interese é, e sempre foi, a “verdade literaria”, a “marabilla” con que se constrúe o relato: esa que me leva a mundos imprevistos e me pon as neuronas a cen. Si, gústanme os  libros que me deixan exhausto a por de facer do meu cranio unha maraca. 

Entre eles, Solaris ocupa un posto central. En Solaris, parecíame fascinante que houbese dous soles. Vistes cousa como ela? Pois resulta que é algo ben común, que Don Ramón Aller foi un pioneiro -entre nós- no estudo das estrelas dobres, que o Observatorio de Santiago mantén esa liña de investigación case como unha especialidade e que o profesor Docobo preside, desde o verán, a Comisión 26 (estrelas dobres e múltiples) da Unión Astronómica Internacional. E eu que pensaba que todo fora unha ocorrencia do señor Stanislaw Lem! 

Vaia, que remata o Ano da Astronomía, que remata o “noso” ano de Don Ramón e que, unha vez máis, os camiños me levan ao “meu sempre” Solaris. Lembrades a Prometeo? 

Prometeo rouboulle o lume aos deuses. Prometeo é o nome da nave que leva a Kris Kelvin a Solaris, o planeta que reclama a atención e a dedicación dos curiosos, os iniciados e os sabios da Terra. Solaris gravita arredor de dous soles, un vermello e outro azul. Esa peculiaridade non abondaría para significar a Solaris entre os millóns e millóns de planetas espallados polo universo. O que converte a Solaris nun planeta senlleiro é o seu Océano, o seu único habitante. 

Kelvin desembarca na estación Solaris e -contra todo costume e toda regra de cortesía- ningún dos seus residentes acode a recibilo: Gibarian acaba de se suicidar, Snaut vive nunha cápsula de terror, Sartorius é un anacoreta pechado no seu laboratorio. 

Postas así as cousas, Kelvin debe conformarse con dúas únicas compañías: os contraditorios textos sobre a natureza do Océano e a súa muller, morta anos antes. 

Trátase, pois, dun mundo de fantasmas de diverso tipo no que o único real é o Océano. A partir de aí, o reto de Kris Kelvin é entender que é ese Océano, un ser que non pode ser equiparado con ningún da Terra, nin pode ser comprendido desde os parámetros da intelixencia e a experiencia humanas. Nin a razón, nin a investigación científica, nin a especulación filosófica son quen de abarcar a realidade do habitante único de Solaris.

M.P. 

Ningún comentario: