12 febreiro, 2010

LerENvenres (IX): "Das cousas de Ramón Lamote", de Paco Martín

-->
De cando en vez, volvo ás cousas de Ramón Lamote. E xa non é só polo moito que me gostan as súas peripecias, senón porque me reenvían de forma directa, e sen pretendelo, ao pasado. Tanto máis pasado, canto máis avanzo cara o futuro, de aí que estas pontes coa nenez teñan bastante de mecanismos inconscientes de supervivencia. Supoño.

Lamote apareceu no ano 85, tras recibir o Barco de Vapor no 84, e no 86 déronlle a Martín o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Eso é ben sabido. Un dos seus primeiros encontros con alumnado tivo lugar no Quiroga Palacios de Santiago, onde, e isto é aínda menos sabido, un rapaz de 11 anos preguntoulle que sentiría se quedase manco e non puidese volver escribir.

A inspiración de semellante ocorrencia debeu ser, a ben seguro, a probable lectura que andaba a facer por aquel tempo dunha biografía de Cervantes en Historias-Selección de Bruguera. Tamén é certo que se doña Carmen non animara á participación co caramelo de subir a nota a quen preguntase algo en galego, Paco Martín non tivera que quedar tan pampo como quedou ante pregunta tan comprometedora. Tamén é certo que fixen outras máis atinadas. Espero.

Recordo o libro polo que me gustou, pero tamén por ter a oportunidade de coñecer ao autor, e esta evidencia, polo menos para min, non deixa de ser, na actualidade, unha forza valorizadora dos encontros que se organizan entre escritores e nenos. E recórdoo tamén porque foi o primeiro libro enteiro que lin en galego, o que tamén fala de certa, aínda que pareza incrible nestes tempos, función normalizadora da escola á hora de lles abrir aos rapaces as incontables portas da cultura. E fun obrigado a elo; ata agora, non teño noticia de ter sufrido trauma algún.

Polo demais, teño distintos e variados recordos do libro (as ilustracións de Xoán Balboa, xente case toda co rostro virado cara o aire; a inserción de tipografías e grafías diversas; a páxina en blanco para resolver un problema matemático...), aínda que o máis importante deles é un que, ao reler o libro, deixa de ser o recordo dun asombro para se converter na constatación dun valor literario. 

Teño para min que Das cousas de Ramón Lamote e un texto esencial porque exemplifica a perfección o que debe ser un correcto uso literario da fantasía. Hai xente que confunde fantasía con tolería, cando no único que coinciden é na rima. A tolería literaria pode funcionar no instante mesmo da lectura, pero apágase, morre, cando un cerra o libro tras o rematar. A fantasía, se non afunde a súa raíz na realidade, deixa de pertencer ao ámbito dos nosos intereses e queda, por tanto, desligada de nós. Esto é, dende logo, unha moi persoal aposta literaria, pero, cando hoxe en día leo a Ramón Lamote, o que percibo de verdade é que o Reparante, a corrida de nubes e o enorme tubo na porta da casa, gozan dunha vixencia de tantos anos gracias a persistente ironía e crítica que recorre todo o texto: todos eses nosos conxéneres que por desatinos do destino teñen un carguiño ou uns millóns de máis ou menos, pasan a se converter, por mor do seu comportamento, en seres de fantasía tan fantásticos como o mesmo Reparante. 

Aí foi onde Paco Martín tocou a tecla da pervivencia literaria.

C.M.

1 comentario:

Mario dixo...

Exacto, Carlos. Tan pronto como lin a túa evocación/comentario, púxenme a ler o libro. Acabo de rematalo. Que ben quedei!