18 abril, 2013

Máis de 300 exemplares prestados...




Semella unha chamada comercial, pero é o que é. Por primeira vez, desde que temos estatísticas na Biblioteca, un título supera os 300 exemplares prestados.

Pois claro que o recomendamos, como non o imos recomendar... E que podemos dicir del que non se teña dito...

Vale, podemos dicir o título: A miña planta de laranxa lima.

Que vos parece?
-

16 abril, 2013

Encontro con... Dan Cruz e Julio González

A súa paixón polo xadrez vén de vello, o coñecemento das súas habilidades por parte do gran público débese á TV.

O próximo venres estarán connosco: Dan Cruz e Julio González.


12 abril, 2013

Sábado 13: Nocturna, curtametraxes e entrega de premios.


Rematou Anirmau 13. Como ramo e antes da entrega de premios (que será ás 8.30 da tarde e incluirá a proxección do filme gañador), dous -ou tres- agasallos: O primeiro para os máis pequenos: ás 4,30 da tarde, Nocturna e, ás 6,30 da tarde, dúas breves sesións de curtametraxes.

Nocturna

Trátase dun dos grandes títulos da factoría Filmax: un precioso relato de enfoque fantástico infantil, con  sobresalientes pinceladas poéticas. Gañador do Premio Goya e seleccionado prestixioso festival de Annecy.
Nun vello orfanato os días pasan sen problemas, mais as noites son algo moi diferente, polo menos para Tim. A luz reflectida polas estrelas é a única cura para o medo á escuridade. Unha noite, ese medo lévao a azotea, onde descobre que a súa estrela favorita desapareceu.
Tim decide ir na súa procura. Nesas, coñece o Pastor de Gatos e o seu fiel amigo Tobermory, que se converterán nos seus gardiáns persoais e o axudarán a fuxir do orfanato.

Carta branca: Animazine: as mellores curtametraxes españolas



Ás 6,30 e en colaboración co Festival de Málaga de Cine Español, o principal festival especializado en cinema español, ofrecemos esta sesión na que poderán verse catro das curtas españolas máis recoñecidas dos dous últimos anos: Sen dúbida, una colaboración única co principal festival especializado en cinema español no noso país. As curtas, inéditas no festival, son Bendito Machine IV (2012), Rascayú (2011), The End (2011) e Fuga (2012), esta última a gañadora no festival malagueño

Panorama Galiza


Ás 7, Panorama Galiza, grazas ao apoio dos autores de da Academia Galega do Audiovisual, as mellores curtas galegas do ano:

Adelina ( animación dun tema da banda Linho do Cuco) ; O templo da Veracruz ( documental de Anxo Santomil) e os tres dos nomeados aos Premios Mestre Mateo 2013: Only You, Equilibrium e O Xigante (gañadora).

11 abril, 2013

Venres 12: It's such a beautiful day, Dwae-ji-ui Wang e Jez Jerzi

 
Tres películas para este venres. Á 6 da tarde It's such a beautiful day (2012), do estadounidense  Don Hertzfeldt. Ás 9, a surcoreana Dwae-ji-ui Wang (O rei dos porcos) de Sang-ho Yeun. Ás 12 da noite, xa para adultos, desde Polonia, Jez Jerzi de Wojtek Wawszczyk, Jakub Tarkowski e Tomasz Lesniak.

A primeira delas é estrea absoluta en España e a presenza das outras dúas supoñen o seu segundo pase: antes só puideron verse en Sitges 2012 e Animabasauri 2012, respectivamente.


It's such a beautiful day

EE.UU. / 2012 / 62’ / Tradicional, Pixilación, Técnicas fotográficas, 2D CGI. Unha triloxía vital sobre Bill, un home novo cunha vida aparentemente normal, mais que, pouco e pouco, vai escurecéndose pola aparición dun trastorno mental aparentemente grave. Unha serie de inquietantes situacións farano reconsiderar o sentido da vida.
Primeiro, aparecen os seus problemas de memoria, ademais de verse angustiado por inquietantes visións. Despois, terá que encarar a perda dun ser querido, un golpe máis que afectará á súa recuperación.
Finalmente, Bill atoparase nun hospital loitando cos seus problemas de memoria nun intento de recompoñer toda a súa psique.
Ficha completa, trailer e fotogramas en Anirmau.com


Dwae-ji-ui Wan (O rei dos porcos)

COREA DO SUR/ 2011 / 97’ / 2D CGI. Despois de asasinar a súa esposa, Hwang Kyung-min, un home de negocios ao bordo da bancarrota, reencóntrase cun antigo compañeiro de clase, Jung Jong-suk, ao que non viu en quince anos. Durante a cea, rememoran os seus días de escola, ocultando a súa situación actual.
Xa daquela existían diferenzas de clase entre os estudantes. Adoitaban chamar “os cans” a un grupo de alumnos crueis, máis ricos e triunfadores do normal, que coas súas novatadas e intimidacións exercían un reinado de terror sobre os estudantes máis débiles: “os porcos”.

Ficha completa, trailer e fotogramas en Anirmau.com

Jez Jerzy

Mauricio, o Ourizo, un mullereiro empedernido, fan do skate e das canecas de cervexa entre horas, convértese no punto de mira dun plan de manipulación xenética. Un científico tolo contrata dous inimigos mortais de Mauricio, os skinheads Zenek e Stefan, que deben apoderarse dos seus xenes para crear un clon ourizo.
Tras traballos nun laboratorio secreto, o clon nace e, de súpeto, convértese nun ídolo de masas, complicando seriamente a vida de Mauricio e arruinando a súa reputación no acto. O ourizo deberá defender a súa identidade e, sobre todo, a súa amada Jola.
Ficha completa, trailer e fotogramas en Anirmau.com


Descarga a programación completa (PDF)
-


10 abril, 2013

Xoves 11: Az ember tragédiája e Gartxot





Á hora habitual das nove da noite, a película a concurso é Az ember tragédiája (A traxedia do home) do húngaro Marcell Jankovics, tamén estrea absoluta en España.

Pola mañá, ás 10, realizarase a primeira proxección de Gartxot(2011), dirixida por Asisko Urmeneta e Juanjo Elordi.

Az ember tragédiája

HUNGRÍA, 2011 / 159’ / Tradicional, 2/3D. Velaquí a historia do universo ao longo de 15 cadros. A narración iníciase coa creación do mundo, dando paso á viaxe de Adán e Eva a través do espazo e do tempo na busca do sentido da vida. O propio Lucifer será a súa guía. O seu camiño, iniciado no Paraíso, percorrerá os tempos prehistóricos, o antigo Exipto, Grecia, Roma, o Imperio Bizantino, a Praga de Kepler, a Revolución Francesa e o Londres do século XIX. Chegará a repasar os últimos cento cincuenta anos de Europa e aínda anticipará unha visión do futuro.

Ficha completa, trailer e fotogramas en Anirmau.com

 

Gartxot 
ESPAÑA / 2011 / 85’ / 2D CGI. É o século XII en Navarra e o Camiño de Santiago está en pleno apoxeo. O novo abade de Roncesvales desterra a Gartxot, o bardo local, para quedar coa voz prodixiosa do seu fillo Mikelot e convertelo nun monxe cantor. Mikelot consegue escapar do convento e canta de novo xunto ao seu pai. Os seus cantos convértense nun símbolo contra a opresión. A Igrexa non está disposta a aceptar esa afronta e envía os seus temidos monxes guerreiros á caza do bardo. Así comeza a traxedia, así comeza a conquista.

Descarga a programación completa (PDF)
-


09 abril, 2013

Mércores 10: Taevalaul e Midori-Ko



No segundo día de competición poderemos gozar de dous filmes de moi diferente factura e procedencia. Lembremos, a este respecto, que un dos obxectivos do festival é mostrar a extraordinaria diversidade do cinema de animación.
 
Ás nove da noite, veremos a película estonia Taevalaul, con dirección e guión de Mati Kütt. É estrea absoluta en Galiza e segundo pase en España (ata o de agora só puido ser vista en Sitges).

Taevalaul

Estonia / 2010 / 45’ / Monicreques. É posible chegar á lúa nun suspiro? Pois é. Éo, sempre e cando, ademais da formación necesaria, se teña a vontade de voar. Este é o caso do Carteiro Choiva.
Esta non semella ser máis que a viaxe dun carteiro que debe entregar un paquete á Lúa. Mais é tamén unha viaxe filosófica a través do tempo e as épocas, a través da persoas e os personaxes, a través dos pensamentos e a imaxinación. Esta é a visualización dos anhelos dun carteiro que cumpre co seu deber, a pesar de todos os problemas e distraccións.

Midori-Ko

A seguir e tras un descansiño, aí contra as 10, será o momento da xaponexa Midori-Ko de Keita Kurosaka, que se proxectará en España, por primeira vez.
XAPÓN/ 2010 / 55’ / Tradicional. En anticipación á crise alimentaria que vén, cinco científicos están a traballar para desenvolver un “alimento-soño”, unha mestura de carne e vexetais. Pero o progreso no laboratorio, situado no medio dunha zona comercial abandonada, acadou unha rúa sen saída.
Un día, nas primeiras horas da noite, unha columna de luz penetra no laboratorio. Esta é a luz dun ceo estrelado especial que enfeita a Terra unha vez cada dez mil anos. Os científicos están moi felices co que a tremenda forza da luz produciu: o alimento-soño, é dicir, Midori-ko.

Pola mañá continuaremos con Tadeo Jones.

Descarga a programación completa (PDF)

08 abril, 2013

Martes 9: Ánima Buenos Aires



Ás nove da noite, comezan as proxeccións dos filmes en competición con Ánima Buenos Aires, película arxentina de 2012, dirixida por María Verónica Ramírez, que é estrea en España.

Ánima Buenos Aires


ARXENTINA / 2012 / 92’ / Tradicional, Acción real, Cut-outs, Colaxe, Pixilación. Humor, tango e emoción conseguen mesturarse na alma oculta de Buenos Aires. Catro relatos que reflicten os diferentes perfís e recantos da cidade dende distintas e orixinais estéticas.Unha parella de bailaríns conecta as diferentes historias mediante coreografías animadas nas paredes porteñas. Carniceiros de barrio abafados pola competencia, adolescentes que pintan a cidade coas cores do seu amor, criminais moribundos que lembran nun segundo toda a súa vida e lendas de tango sobre a muller soñada.

Ficha completa, trailer e fotogramas en Anirmau.com

Una ciudad para dibujar, entrevista con María Verónica Ramírez en La Nación.


Pola mañá continuaremos con Tadeo Jones.

Descarga a programación completa (PDF)

06 abril, 2013

Luns 8: O apóstolo e Tadeo Jones


Xa entramos en danza. Anirmau'13 quenta motores con dous filmes excepcionais.

O apóstolo


Ás oito da noite preséntase o festival e, de inmediato, proxéctase O apóstolo de Fernando Cortizo.
ESPAÑA / 2012 / 82’ / Monicreques. Un preso que acaba de fuxir do cárcere intentará recuperar un botín agochado anos atrás nunha solitaria e afastada aldea do Camiño de Santiago, pero o que alí vai atopar suporalle un castigo aínda maior do que tiña. Sinistros anciáns, estrañas desaparicións, espíritos, un peculiar sacerdote e ata o mesmísimo arcipreste de Santiago cruzaranse no seu camiño nunha historia de suspense, humor e fantasía.

Las aventuras de Tadeo Jones

Antes diso, ás dez da mañá, será a vez de Las aventuras de Tadeo Jones de Enrique Gato, película que se repetirá o martes e o mércores, tamén ás dez. Os asistentes serán dos colexios de primaria da zona. 
ESPAÑA / 2012 / 90’ / 3D CGI. Tadeo sempre desexou converterse nun arqueólogo aventureiro e famoso. Ao seu pesar, pasa os días entre os guindastres e o cemento da obra na que traballa. 
A oportunidade de cumprir os seus soños preséntase cando un reputado arqueólogo, amigo seu, recibe unha misteriosa táboa de pedra: a chave que conduce á Cidade Perdida de Paititi e ao seu lendario tesouro. A piques de emprender a viaxe, o arqueólogo sofre un inoportuno accidente e Tadeo debe substituílo na expedición.



Este ano irémosvos avanzando a programación diaria, mentres tanto, podedes descargar a programación completa (PDF)
-

05 abril, 2013

Willy: trece postais

Foto de Paío

Remata hoxe a montaxe expositiva Wily: Forza ingobernableque se mantivo desde o 22 de marzo no FAC Peregrina de Santiago.

Willy, Antonio Taboada Ferradás, naceu en Botos en 1962 e finou en 2006. O ano pasado celebrouse o cincuentenario do seu nacemento. Con tal motivo, a Asociación de Amigos de Willy editou unha preciosa colección de 13 postais con bocetos e esculturas.

A xeito de homenaxe e con permiso da Asociación, mostrámosvos estas postais.




Beizóns e graciñas, Willy!
-

02 abril, 2013

VI Olimpíada: Os Arcanos renovan título


Rematou a VI Olimpíada e foi, sen dúbida, a edición máis competida.

Ata catro equipos chegaron á última semana con opcións moi serias de conseguir o primeiro posto: tres deles case empatados (Arcanos con 69, GeteJota con 68.5 e e Tank con 68 puntos) e un cuarto (The Camels con 64,5) a moi pouca distancia.


Restaban vinte e catro puntos por disputar e Os Arcanos fixeron valer ese medio puntiño de vantaxe co que chegaron ao último tramo da competición.

Así quedou a clasificación nos seis (e premiados) primeiros postos:

90,5 puntos : Arcanos
89,5 puntos : Tank     
86,5 puntos : GeteJota
86 puntos :    The camels
28 puntos :    O fénix de xeo
25 puntos :    Desastres de setembro

Polo demais, esta sexta edición presentou a novidade de que boa parte das cuestións se presentaron e se podían responder a través de Moodle. Se vos apetece velas, premede aquí.